CLUB

DIRECTIVA

Presidente: Manuel Martínez Lado
Secretaria: Patricia Mariño Miramontes
Tesoreiro: José María Taboada Álvarez
Vogal: María José Grela Rodríguez
Vogal: José Luis Fernández Alló






ESTATUTOS

 AGRUPACIÓN DEPORTIVA BURGO DAS NACIÓNS




ÍNDICE



CAPÍTULO I.- Normas xerais


CAPÍTULO II.- Clases de socios, admisión, dereitos e obrigas


CAPÍTULO III.- Órganos de representación e goberno


CAPÍTULO IV.- Réxime documental e disciplinario


CAPÍTULO V.- Réxime económico-financeiro e patrimonial


CAPÍTULO VI.- Reforma dos Estatutos e disolución da entidade



CAPÍTULO I
Normas xerais:
Artigo 1º.- A Agrupación Deportiva Burgo das Nacións é unha entidade privada, sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica e capacidade de obrar, integrada por persoas físicas ou xurídicas, con domicilio na Comunidade Autónoma de Galicia, que ten como obxecto primordial o fomento e o impulso da práctica deportiva continuada dunha ou varias modalidades, así como a participación en actividades e competicións deportivas. A Agrupación Deportiva Burgo das Nacións solicitará a ratificación dos Estatutos e a inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, de conformidade coa Lei 3/2012, do Deporte de Galicia.
Artigo 2º.- A Agrupación Deportiva Burgo das Nacións contará coas seccións deportivas de Fútbol e de Fútbol Sala, sen prexuízo de que a Asemblea Xeral poida acordar a creación doutras.
Artigo 3º.- O domicilio social da Agrupación Deportiva Burgo das Nacións fíxase na Av. Burgo das Nacións, s/n, concello de Santiago de Compostela, provincia de A Coruña.
A Xunta Directiva, cando as circunstancias o aconsellen, poderá acordar o cambio do domicilio social dentro da mesma localidade. Para o traslado do domicilio a outra poboación, que deberá ser sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, será necesario o acordo maioritario da Asemblea Xeral Extraordinaria.
En ambos os casos, o cambio de domicilio social non implicará modificación estatutaria, tendo que ser notificado aos socios e ao Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

CAPÍTULO II
Clases de socios, admisión, dereitos e obrigas:
Artigo 4º.- Os socios da Agrupación Deportiva Burgo das Nacións poderán ser: de número, de honra e colaboradores. O número de socios será ilimitado, podendo suspender a Asemblea Xeral, non obstante, a admisión de novos socios por razóns organizativas.
Artigo 5º.- Para a admisión como socio da Agrupación Deportiva Burgo das Nacións será preciso cumprir as seguintes condicións:
1.- Reunir as condicións sinaladas para cada unha das modalidades.
2.- Cursar solicitude por escrito dirixida ao Presidente (só no caso dos socios de número).
3.- Ter satisfeito a cota de ingreso correspondente.
Artigo 6º.- O cesamento da condición de socio pode devir de calquera das seguintes circunstancias:
1.- Por vontade propia.
2.- Por demora de tres meses no pago das cotas sociais ou de inscrición, previo requirimento de pago e consecuente Resolución do Presidente.
3.- Por acordo da Xunta Directiva fundado, no seu caso, en faltas de carácter grave, previa audiencia do interesado, tendo que ser ratificado na primeira Asemblea Xeral que se celebre.
4.- Por calquera outra causa establecida na lexislación vixente.
Artigo 7º.- Será considerado socio de número toda persoa que satisfaga a cota social establecida por este concepto pola Asemblea Xeral.
Tamén terán esta consideración os deportistas da entidade menores de idade, tendo dereito unicamente ao uso das instalacións sociais.
Artigo 8º.-Os socios de número terán os seguintes dereitos:
1.- Contribuír ao cumprimento dos fins específicos da entidade.
2.- Esixir que a entidade se axuste ao disposto na normativa autonómica deportiva e ao establecido nos presentes Estatutos.
3.- Separarse libremente da entidade.
4.- Coñecer as actividades da entidade e examinar a súa documentación, previa petición razoada ao Presidente.
5.- Expor libremente as súas opinións no seo da entidade, posuíndo dereito de voz e voto na Asemblea Xeral, sempre que se sexa maior de idade.
6.- Ser elector e elixible para os órganos de representación e goberno da entidade, sempre que sexa maior de idade e teña plena capacidade de obrar.
Artigo 9º.-Son obrigas do socios de número:
1.- Aboar as cotas que esixa a Asemblea Xeral.
2.- Contribuír ao sostemento e difusión do deporte ou modalidades deportivas.
3.- Acatar cantas disposicións dite a Asemblea Xeral, o Presidente ou a Xunta Directiva, para o bo goberno da entidade.
Artigo 10º.- Serán socios de honra aquelas persoas ou entidades ás que a Asemblea Xeral confira esta distinción e terán un posto de preferencia nos actos oficiais da entidade.
Artigo 11º.- Serán socios colaboradores todas aquelas persoas ou entidades que coas súas achegas económicas ou de outra índole, contribúan ao desenvolvemento dos fins da entidade.

CAPÍTULO III
Órganos de representación e goberno:
Artigo 12º.- Os Órganos de representación e goberno da Agrupación Deportiva Burgo das Nacións serán a Asemblea Xeral e o Presidente.
Artigo 13º.- A Asemblea Xeral é o órgano supremo do goberno da entidade e estará integrada por todos os seus socios de número.
As Asembleas Xerais, tanto Ordinarias como Extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a ela a maioría dos seus asociados, en segunda e última convocatoria (media hora máis tarde) calquera que fose o número de membros presentes.
Entre a data de convocatoria e o día sinalado para a súa celebración terán que mediar, como mínimo, sete días naturais e non poderá transcorrer máis de vinte.
Artigo 14º.- A Asemblea Xeral será convocada polo Presidente a iniciativa propia ou do vinte e cinco por cento, polo menos, dos socios de número.
Artigo 15º.- A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario cando menos unha vez ao ano para tratar das seguintes cuestións:
1.- Memoria, liquidación dos orzamentos, balance do exercicio e rendición de contas.
2.- Orzamento para o exercicio seguinte.
3.- Fixación das cotas de inscrición.
4.- Fixación das cotas dos socios.
5.- Proxecto e propostas do Presidente ou da Xunta Directiva.
6.-Proposicións que formulen os socios, e que terán de ir asinadas, polo menos, polo cinco por cento dos mesmos.
Artigo 16º.- Terá que se celebrar Asemblea Xeral con carácter extraordinario para a modificación de Estatutos, elección de Presidente, toma de cartos a préstamo, emisión de títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, alleamento de bens inmobles e calquera outro acordo previsto nestes Estatutos ou que se estime oportuno polo Presidente ou Xunta Directiva e proceda legalmente.
Artigo 17º.- Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple dos presentes. Serán vinculantes e de obrigado cumprimento, tendo forza executiva a partir da data da súa adopción, sen prexuízo da posibilidade, en razón da materia á que atinxan, da súa impugnación perante os órganos competentes da Federación Galega Deportiva da modalidade ou do Comité Galego de Xustiza Deportiva.
Artigo 18º.- O Presidente é o órgano executivo da entidade, posúe a representación legal, e convoca e preside os órganos de representación e goberno, executando os acordos destes.
O cargo de Presidente é a título gratuíto e carente de interese nos resultados económicos da entidade, por si mesmo ou a través de persoa interposta. Será elixido, cada catro anos, mediante sufraxio libre e directo por e entre os membros da Asemblea Xeral.
Artigo 19º.- O Presidente cesará por:
1.- Transcorrer o prazo polo que foi elixido.
2.- Dimisión.
3.- Falecemento ou incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.
4.- Aprobación dunha moción de censura pola Asemblea Xeral.
5.- Inhabilitación por sentenza xudicial firme ou sanción deportiva.
Artigo 20º.- Como órgano complementario dos de goberno e representación haberá unha Xunta Directiva que actuará como órgano colexiado de xestión da entidade, exercendo as funcións que estes Estatutos lle confiren.
Os membros da Xunta Directiva serán designados e revocados libremente polo Presidente, debendo dar conta diso na primeira Asemblea Xeral que se celebre. Da mesma formará parte un Secretario e un Tesoureiro.
Todos os cargos serán gratuítos e carentes de interese nos resultados económicos da entidade por si mesmos ou a través de persoa interposta.
Artigo 21º.- A Xunta Directiva será convocada polo Presidente con dous días de antelación, como mínimo, á data da celebración e quedará validamente constituída en calquera das seguintes circunstancias:
1.- En primeira convocatoria, cando concorran a ela a maioría dos seus membros.
2.- En segunda convocatoria, cando a concorrencia acade, cando menos, tres dos seus membros, e, en todo caso do Presidente.
3.- Cando estean presentes todos os seus membros, aínda que non houbera mediado convocatoria previa.
Artigo 22º.- En especial corresponde á Xunta Directiva:
1.- Dirixir a xestión da entidade, velando polo cumprimento do seu obxecto social.
2.- Formular o inventario, memoria e orzamento anual, que se someterá a aprobación da Asemblea Xeral.
3.- Aplicar todas as medidas deportivas, económicas e administrativas precisas para o fomento e desenvolvemento da práctica deportiva dentro da entidade.
Artigo 23º.- O Secretario da Xunta Directiva coidará do arquivo da documentación, redactará cantos documentos afecten á marcha administrativa da entidade e levará o Libro de Rexistro de Socios e o Libro de Actas.
Artigo 24º.- O Tesoureiro da Xunta Directiva será o depositario da entidade, asinará os recibos, autorizará os pagos e levará os Libros de Contabilidade.
Será obriga do Tesoureiro formalizar, durante o primeiro mes de cada ano, un balance de situación e as contas de ingresos e gastos, que se porán en coñecemento de todos os asociados.

CAPÍTULO IV
Réxime documental e disciplinario:
Artigo 25º.- O réxime documental do Club, constará dos seguintes libros: Libro de Rexistro de Socios, Libro de Actas e Libros de Contabilidade.
Artigo 26º.- No Libro de Rexistro de Socios, terán que constar obrigatoriamente os nomes e apelidos dos socios de número (podendo tamén incorporarse os socios de honra e colaboradores), o seu Documento Nacional de Identidade e, no seu caso, os cargos de representación, goberno e administración que exerzan na entidade. Tamén se han de especificar as datas de altas e baixas, e as de tomas de posesión e cese nos cargos aludidos.
Artigo 27º.- No Libro de Actas consignaranse as reunións que celebre a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, con expresión da data, asistentes, asuntos tratados e acordos adoptados. As actas terán que estar asinadas, en todo caso, polo Presidente e o Secretario.
Artigo 28º.- Nos Libros de Contabilidade figurarán tanto o patrimonio da entidade como os dereitos e obrigas, e o seus ingresos e gastos, debéndose precisar a procedencia daqueles e a inversión ou destino destes.
Artigo 29º.- Os órganos e socios da entidade estarán sometidos ao Regulamento de Réxime Interno e ao disposto no Título VII da Lei 3/2012, do Deporte de Galicia, e á súa normativa de desenvolvemento.
Artigo 30º.- Así mesmo o Presidente e os membros da Xunta Directiva responderán fronte aos socios, á entidade ou terceiros dos prexuízos que ocasionaren por culpa ou neglixencia grave, de conformidade coa regulamentación propia da entidade e o Ordenamento Xurídico vixente.

CAPÍTULO V
Réxime económico-financeiro e patrimonial:
Artigo 31º.- No momento da creación da entidade deportiva, o patrimonio fundacional é inexistente, e non dispón de instalacións e locais propios.
No futuro o patrimonio da entidade estará integrado por:
1.- As achegas económicas dos socios, que aprobe a Asemblea Xeral.
2.- As doazóns e subvencións que reciba.
3.- As rendas, froitos e intereses do seu patrimonio.
Queda expresamente excluído como fin da entidade o ánimo de lucro, polo que a totalidade dos seus ingresos e beneficios destinarase ao cumprimento dos seus fins.
Artigo 32º.- A entidade poderá gravar e allear bens, mobles e inmobles, tomar diñeiro a préstamo e emitir títulos transmisibles representativos de débeda ou parte alícuota patrimonial, sempre que cumpra os seguintes requisitos:
1.- Que se autoricen tales operacións por maioría de dous terzos dos socios presentes ou representados na Asemblea Xeral Extraordinaria convocada ao efecto.
2.- Que ditos actos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da entidade ou a actividade deportiva que constitúa o seu obxecto social. Para a adecuada xustificación deste extremo poderase esixir, sempre que o soliciten como mínimo o cinco por cento dos socios, o oportuno ditame económico-actuarial.
3.- Cando se trate de gravar ou allear bens, mobles e inmobles, que foran financiados en todo ou en parte, con fondos públicos da Comunidade Autónoma, será preceptiva a autorización previa do órgano competente da Xunta de Galicia.
Artigo 33º.- A entidade poderá emitir títulos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, que serán nominativos. Os títulos inscribiranse nun Libro que levará ao efecto a entidade, no que se anotarán as sucesivas transferencias, constando en todos eles o valor nominal, a data de emisión e, no seu caso, o interese e prazo de amortización.
Artigo 34º.- Os títulos de débeda só se poderán subscribir polos asociados, e a súa posesión non conferirá dereito algún especial aos socios, agás a percepción dos intereses establecidos conforme á lexislación vixente.
Artigo 35º.- Os títulos de parte alícuota patrimonial han ser asemade, subscritos polos asociados. En ningún caso estes títulos darán dereito á percepción de dividendos ou beneficios.
Artigo 36º.- Os títulos de débeda e parte alícuota patrimonial serán transferidos unicamente entre os que teñan a condición de socios.

CAPÍTULO VI
Reforma dos Estatutos e disolución da entidade:
Artigo 37º.- Os presentes Estatutos só se poderán modificar, reformar ou derrogar, por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada a tal efecto, mediante votación favorable dos dous terzos dos socios asistentes.
A reforma destes Estatutos seguirá, con respecto ao Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, os mesmos trámites administrativos que para a súa inscrición.
Artigo 38º.- A entidade extinguirase ou disolverase por acordo de:
1.- Dous terzos dos socios, con dereito a voto, en Asemblea Xeral Extraordinaria, convocada ao efecto.
2.- Por sentenza xudicial.
3.- Por outras causas legalmente determinadas.
En todo caso haberá de ser notificado ao Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Artigo 39º.- Disolvida a entidade, o remanente do seu patrimonio social, se o houber, aplicarase a fins análogos de carácter deportivo ben por acordo previo da Asemblea Xeral ou subsidiariamente polo órgano competente en materia de deporte da Xunta de Galicia.






No hay comentarios:

Publicar un comentario